Gobierno de España. Ministerio de Hacienda Y Función Pública Secretaría General de Presupuestos y Gastos
Unión Europea

Fondos Europeos: Período 2021-2027

Desenvolvemento rexional e cohesión despois de 2020: o novo marco en poucas palabras

Fixáronse cinco prioridades de investimento, ámbitos nos que maior achega pode facer a UE

Cinco obxectivos principais impulsarán os investimentos da UE no septenio 2021-2027:

Os investimentos en desenvolvemento rexional centraranse especialmente nos obxectivos 1 e 2. Entre o 65 % e o 85 % dos recursos do FEDER e do Fondo de Cohesión asignaranse a estas prioridades, en función da riqueza relativa dos Estados membros:

  • Unha Europa máis intelixente, mediante a innovación, a dixitalización, a transformación económica e o apoio ás pequenas e medianas empresas;

    Unha Europa máis ecolóxica e libre de carbono, que aplique o Acordo de París e invista en transición enerxética, enerxías renovables e a loita contra o cambio climático;

  • Unha Europa máis conectada, cun transporte estratéxico e redes dixitais;
  • Unha Europa máis social, que faga realidade o alicerce europeo de dereitos sociais e que apoie o emprego de calidade, a educación, as capacidades educativas e profesionais, a inclusión social e a igualdade de acceso á asistencia sanitaria;
  • Unha Europa máis próxima aos cidadáns, que apoie estratexias de crecemento de xestión local e que contribúa a un desenvolvemento urbano sustentable en toda a UE.

Un enfoque máis adaptado ao desenvolvemento rexional

A política de cohesión segue investindo en todas as rexións en función das mesmas tres categorías de rexións (menos desenvolvidas, en transición ou máis desenvolvidas).

O método de asignación dos fondos segue tendo en conta, en gran medida, o PIB per cápita. Engádense novos criterios (desemprego xuvenil, niveis educativos baixos, cambio climático e acollida e integración de inmigrantes) para reflectir mellor a realidade sobre o terreo. As rexións ultraperiféricas seguirán beneficiándose dunha axuda especial da UE.

A política de cohesión segue apoiando as estratexias de desenvolvemento de xestión local e *empoderando aos entes locais na xestión dos fondos. Tamén se potencia a dimensión urbana da política de cohesión, co 6 % do FEDER dedicado ao desenvolvemento urbano sustentable, e un novo programa de creación de capacidades e establecemento de redes destinado ás autoridades urbanas, a Iniciativa Urbana Europea.